Wednesday 01 de May de 2024

A Pobra conta cunha ampla oferta deportiva para o verán de 2023


Distintas disciplinas compoñen o programa de actividades deportivas que achegan a Concellaría dos Deportes da Pobra do Caramiñal e clubs da localidade para o verán de 2023.

A rapazada poderá desfrutar do fútbol de praia, vela, tenis, da patinaxe artística, baloncesto, atletismo, fútbol, remo, vólei de praia e xadrez. No que respecta ás persoas adultas ofértase pilates, camiñadas + estiramentos, ximnasia de mantemento, camiñadas para maiores e ximnasia para maiores.

O período de preinscrición abre ás 10.00 horas do día 15 de xuño. O formulario cuberto deberase entregar no rexistro do Concello ou a través da sede electrónica. O pagamento efectuarase unha vez confirmada a matrícula.

Durante a tempada estival, a vida deportiva dinamizarase tamén con competicións como a II Carreira Solidaria Móvete pola Diabetes, o Torneo Basket Pobra 3×3, a XIV Carreira Popular Concello da Pobra do Caramiñal, o L Trofeo Conde de Fenosa de fútbol, o Tenis-Circuíto do Barbanza, o VIII Torneo Xadrez na Rúa, o VI Torneo Xadrez Pizza Móvil Concello da Pobra, a LXII Milla Urbana Nocturna e a VI Cronoescalada Subida á Curota.

E, no eido do deporte para todas e todos, terá lugar a XXXI Festa da Bici e o Día do Deporte na Rúa.